Sunday 19 de May de 2024

Os socialistas acusan ao bipartito de cinismo na creación de direccións de área: “criticárono no pasado mandato e agora elas crean o dobre de prazas”


Marta Abal afeoulle ao BNG que faga do concello unha “axencia de colocación” do seu persoal

“Máis de dous millóns de euros vai custar este goberno e, despois, dirá que non hai cartos para investir na mellora da vida das veciñas e veciños” afirmou

O nomeamento de cargos de confianza por parte do bipartito segue xerando polémica no Pazo de Raxoi. O Grupo Socialista, que xa criticara no seu momento o anuncio da creación de 6 novas direccións de área saíron ao paso logo de que onte Sanmartín anunciase o nomeamento para o primeiro destes novos altos cargos. A edil socialista, Marta Abal, criticou esta contratación ao consideralo un acto de “incoherencia e certo cinismo”, recordando que “tanto a alcaldesa como María Rozas foron moi críticas coa creación de direccións de área no pasado mandato” cando “agora crean elas o dobre de prazas”.

Abal que asegura, ironizando, que onde si hai “certa coherencia” é nos criterios para a contratación do persoal eventual do BNG, “porque todos eles teñen o seu respectivo carnet do BNG. Recordan desde as filas socialistas que, entre os últimos nomeamentos de eventuais, está o ex-alcalde de Rianxo, do BNG, a número 7 da candidatura do Bloque ás municipais ou unha antiga membro de Galiza Nova: “na súa maioría son membros da súa Executiva Local”.

“Máis de dous millóns de euros vai custar este goberno” asegurou a edil socialista, que criticou que, ante este gasto en persoal, “despois dirán que non hai cartos para investir na mellora da vida da nosa veciñanza”, xa que recorda, o bipartito anunciou xa a súa intención de crear 5 novos altos cargos.